A emblemática cita náutica de Maragota Boats e o Club Náutico de Portonovo disputarase o sábado 17 de outubro
Sanxenxo, 8 de outubro de 2026.- O prestixio da pesca deportiva nas Rías Baixas internacionalízase. O IV Campionato de Pesca a Fondo desde Embarcación, organizado conxuntamente pola firma náutica Maragota Boats e o Club Náutico de Portonovo, en colaboración co Concello de Sanxenxo e a Confraría de Pescadores de Portonovo, dá un histórico paso adiante nesta edición de 2026 ao abrir oficialmente as súas augas á participación de tripulacións e pescadores internacionais, consolidando Sanxenxo como un referente turístico e deportivo fóra das súas fronteiras.
Durante a presentación da cita esta mañá no Club Náutico de Portonovo, a presidenta do club Maragota Boats, Sandra Dopazo, explicou que por primeira vez “entre as embarcacións inscritas temos unha de orixe portuguesa e prevemos alcanzar os 150 participantes”. O prazo para formalizar a participación xa está aberto e concluirá o domingo 11 de outubro ás 19:00 horas. O concelleiro de Turismo, Juan Deza, puxo en valor “o excelente traballo da organización” e subliñou o impacto positivo da data elixida: “Ao celebrarse fóra da tempada alta, este evento contribúe de forma clave á desestacionalización do turismo na zona”.
O campionato, no que se repartirán máis de 6.000 euros en premios, desenvolverase nunha única manga de catro horas de duración, na que as tripulacións competirán baixo un estrito regulamento técnico e respectando as licenzas e normativas vixentes. O Club Náutico de Portonovo servirá como base de operacións, facilitando o amarre ou fondeo gratuíto ás embarcacións inscritas desde a tarde anterior.
Debido ao límite de prazas dispoñibles, ínstase ás persoas interesadas a realizar o rexistro o antes posible mediante un pagamento único de 35 euros por embarcación. As vías de inscrición habilitadas son o número de WhatsApp +34 616 80 82 06, o correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou de forma presencial nas oficinas do Club Náutico de Portonovo.
O torneo recompensará a destreza dos pescadores con trofeos para as tres primeiras embarcacións clasificadas. Así mesmo, outorgaranse mencións especiais á “peza maior”, á “Maragota Maior” —especie raíña que dá nome ao club e á empresa promotora— e galardóns específicos para Pescador Sénior e Pescador Júnior.
Fiel aos valores da organización, o campionato volverá contar cunha importante vertente social. Unha vez concluída a pesaxe oficial, todos os participantes poderán doar voluntariamente as súas capturas ao Banco de Alimentos Rías Baixas, transformando o éxito da xornada deportiva nunha axuda directa para as familias máis vulnerables da comarca.