Concello de Sanxenxo - O CATASTRO PIDE COLABORACIÓN AOS VECIÑOS DE DORRÓN PARA A REVISIÓN DA TITULARIDADE DE 1.200 PARCELAS NOS NÚCLEOS DE REXENXO, RECAREI E FREIXEIRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

 

Máis dun centenar de veciños acudiron esta mañá á Casa de Cultura de Dorrón para informarse sobre o proceso.

 

Sanxenxo, 8 de xuño de 2025.– Un equipo do Catastro en Pontevedra, coa súa xerente, Micaela Martínez, á fronte, desprazouse esta mañá á Casa de Cultura de Dorrón para manter un encontro cos veciños destes tres núcleos. O obxectivo desta visita é a revisión da titularidade de 1.200 parcelas nos núcleos de Rexenxo, Recarei e Freixeiro. Ao encontro asistiu o alcalde, Telmo Martín, así como membros do goberno, e a directiva da Asociación de Veciños de Dorrón. O colectivo puxóse en contacto co Catastro tras detectarse problemas coa titularidade dos lindes das fincas a raíz da revisión das faixas secundarias na parroquia realizada polo Seaga.

 

O Catastro contratou unha asistencia técnica para dar servizo aos propietarios das fincas nestes núcleos, que se desprazará na primeira quincena de xullo á Casa de Cultura de Dorrón para realizar unha revisión da titularidade. Antes deste servizo, os propietarios das fincas deben poñerse en contacto cos seus lindantes para chegar a un acordo nas superficies onde non estea claramente delimitada ou haxa algún tipo de desacordo. Ademais do acordo entre partes, deberán acudir coas medicións actualizadas das fincas para que se poidan rexistrar no Catastro. “Isto suporía unha vantaxe para todos. Para vostedes porque terían rexistrada a súa propiedade de forma correcta, algo primordial en caso de venda ou calquera trámite, e para o Catastro porque tería ben a información”, asegurou Micaela Martínez. Na mesma liña, insistiu en que é “fundamental a colaboración dos veciños para ordenar este crebacabezas de territorios”. A idea é comezar con estes tres núcleos como un plan piloto e “se funciona, seguir abarcando máis superficie do municipio”.

 

Pola súa banda, o alcalde animou os propietarios a “facer un esforzo por poñerse dacordo para ter mellor ordenado o territorio” e lembrou a disposición do Concello “a doar árbores autóctonas aos donos de todas aquelas fincas nas que haxa plantados eucaliptos”.

0
0
0
s2sdefault