A actividade continuará a vindeira semana coas rutas de sendeirismo “Camiñemos” todos os martes e xoves pola mañá.
Sanxenxo, 19 de xuño de 2025.- O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, clausuraron esta mañá unha nova edición do Programa de Educación Física para Maiores no Auditorio Emilia Pardo Bazán. Máis dun cento de usuarios da actividade recibiron o diploma acreditativo durante o acto que tivo lugar no salón de actos como recoñecemento ao esforzo realizado ao longo do curso.
Martín lembrou que “hai 25 anos que o Concello puxo en marcha este programa de Educación Física para Maiores, unha actividade que vos mantén en forma física, pero tamén mental. Unha escusa para saír da casa, para esquecer os problemas e pensar un ratiño en un mesmo”. O alcalde incidiu en que está claro que funciona. “En Sanxenxo somos 4.672 persoas maiores de 65 anos, un 26% da poboación total do municipio, e iso témolo moi presente en cada unha das accións de goberno. O coidado e a atención forman parte desas liñas de actuación”.
A actividade continuará a partir da vindeira semana co programa “Camiñemos Xuntos”, iniciado o ano pasado, todos os martes e xoves pola mañá, con rutas por distintas parroquias onde irán acompañados do técnico de Deportes, Nacho Rebollo.