Concello de Sanxenxo - VICTORIANO OTERO RECIBE A CÁMARA DE OURO POLA SÚA LABOR COMO RECOPILADOR DA HISTORIA DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O extraballador municipal e veciño de Sanxenxo agradeceu que “persoas novas valoren e premien a miña traxectoria profesional e social”

Sanxenxo, 2 de xullo de 2025.- O extraballador municipal e veciño de Sanxenxo, coñecido pola súa labor de recopilador da historia do municipio e impulsor de distintas iniciativas, recibiu esta mañá na Praza de Pascual Veiga o galardón da Cámara de Ouro outorgado pola Asociación Fotográfica Ollares de Portonovo en colaboración co Concello de Sanxenxo. “Estou moi agradecido e honrado de que persoas novas valoren e premien a miña traxectoria profesional e social”, asegurou. Otero recibiu a insignia de ouro da man do concelleiro de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez, e acompañado do presidente do colectivo, Luis Dobarro.

A entrega do galardón enmárcase dentro das xornadas Ollares na Rúa, unha exposición fotográfica de máis de 2.500 imaxes históricas da contorna que estará hoxe e mañá na Praza de Pascual Veiga. A maioría destas fotos foron doadas polos veciños, creando un arquivo histórico fotográfico formado por imaxes familiares, de paisaxe, de traballadores do mar, da mili, dos equipos locais de fútbol e de piragüismo, doutras asociacións culturais…

En anos anteriores, homenaxeouse a Gerardo Torres de Foto Torres; a Olimpio Piñeiro de Foto Olimpio, neste caso a título póstumo, e a Carlos Carballa de Fotografía Studio 21. Dobarro explicou durante o acto de entrega que “Victoriano é unha persoa que dedicou a súa vida profesional, pero tamén persoal, a recopilar, estudar e clasificar todo o que acontece neste Concello. Para nós, Victoriano é un referente polos seus coñecementos, aos que acudimos en busca de axuda en numerosas ocasións, e como persoa, sempre disposto a botar unha man de forma totalmente altruísta”.

A mostra fotográfica na rúa continuará o 5 e 6 de xullo no parque de O Espiñeiro en Portonovo, que terá como colofón a Festa Holi.

0
0
0
s2sdefault