Concello de Sanxenxo - AS 17 BANDEIRAS AZUIS XA ONDEAN NAS PRAIAS DE SANXENXO COMO SÍMBOLO DE “CALIDADE E EXCELENCIA”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acudiron ao acto central do izado en Silgar

Sanxenxo, 4 de xullo de 2025.– Sanxenxo izou esta mañá de forma simultánea as súas 17 bandeiras azuis nos areais con este distintivo. O acto central tivo lugar na praia de Silgar, a primeira en obter a bandeira azul hai xa 25 anos, ao que acudiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acompañando ao alcalde, Telmo Martín. Nesta ocasión, a convidada para izar a bandeira foi Alba Lorenzo, veciña de Noalla e alumna do IES Vilalonga, que vén de recibir un premio a nivel nacional polo seu traballo de estatística Oncovida. Nos outros areais participaron os nenos e nenas do Plan Concilia con concelleiros de goberno, socorristas e monitores.

O alcalde lembrou que Sanxenxo, como municipio español líder en bandeiras azuis, realiza un investimento “moi importante cada ano nas praias nunha época na que nos convertimos na terceira cidade de Galicia” e agradeceu a implicación da Xunta de Galicia. “Quero agradecer a Alba que aceptase este convite para izar a bandeira e ás nais e pais que deixaron aos rapaces do Plan Concilia participar nos actos das bandeiras azuis do seu municipio. É un orgullo”, dixo.

Pola súa banda, o presidente afirmou que “non se me ocorre mellor maneira de comezar o verán que co izado de bandeira nesta praia emblemática e nos outros 16 areais”. Rueda incidiu en que “é unha marca de excelencia, un símbolo de Galicia Calidade tanto en sendeiros como en portos deportivos”.

Cómpre lembrar que, en Sanxenxo, ademais de Silgar, lucirán o galardón as praias de A Lapa, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, O Espiñeiro-A Lanzada, Panadeira, Paxariñas e Pragueira. O Club Náutico de Portonovo, o Real Club Náutico de Sanxenxo e o Porto Deportivo Juan Carlos I tamén lucen Bandeira Azul.

0
0
0
s2sdefault