Concello de Sanxenxo - AFUNDACIÓN E O CONCELLO DE SANXENXO CONVIDAN A “GOZA DA PRAIA SEN DEIXAR PEGADA”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

A campaña, presentada hoxe, ten como obxectivo promover boas prácticas entre as persoas usuarias das praias, tratando de evitar alteracións que poidan romper o equilibrio dos seus ecosistemas.

22.07.2025. Sanxenxo acolleu esta mañá no paseo de Baltar, en Portonovo, a presentación da campaña Goza da praia sen deixar pegada, unha iniciativa educativa impulsada por Afundación mediante a cal, a Obra Social de ABANCA busca dar a coñecer ás persoas usuarias das praias, a través dunha exposición con tótems informativos, un pequeno conxunto de consellos e boas prácticas para aplicar nos areais durante a tempada estival, co fin de respectar os seus ecosistemas e as especies que os habitan, evitando alteracións que poidan chegar a afectar o seu equilibrio.

A campaña forma parte dos programas PLANCTON e Educación para a sustentabilidade, dous proxectos que foron recoñecidos co primeiro premio nacional de Medio Ambiente outorgado por CECA nas súas dúas últimas edicións, e cos que a Obra Social de ABANCA procura inculcar na sociedade formas de actuar responsables co medio ambiente, tratando de concienciar sobre a relevancia das pequenas accións no noso día a día e promovendo o sentido de pertenza e responsabilidade no coidado da contorna.

No acto de presentación estiveron presentes o concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres; José Manuel Mourelo, coordinador de Responsabilidade Social Corporativa de Afundación; Raúl Albores, director da oficina de ABANCA en Portonovo; e Saleta González, directora técnica do proxecto PLANCTON. Este Plan de Conservación Territorial permitiu retirar neste municipio máis de tres toneladas e media de residuos en senllas operacións colaborativas de limpeza submarina realizadas en abril e xuño nos fondos dos portos de Portonovo e Sanxenxo, coa colaboración de ambas confrarías.

A exposición permanecerá no paseo de Baltar ata mediados de setembro, e entre as boas prácticas recollidas nos tótems inclúense consellos como evitar o movemento de pedras de tamaño medio e o uso de salabardos nas rochas e na beira do mar, para non danar innecesariamente a fauna acuática; elixir cremas e produtos de protección solar respectuosos cos océanos e coas súas especies, e aplicalos polo menos 30 minutos antes de entrar na auga para evitar que se disolvan sen exercer a súa acción protectora na pel; non deixar residuos na praia, xestionándoos de forma máis axeitada na casa; ou aproveitar os paseos pola beira para recoller os refugallos que poidamos atopar polo camiño.

EDUCACIÓN PARA A SUSTENTABILIDADE

O programa Educación para a sustentabilidade, primeiro premio nacional de Medio Ambiente de CECA, promove o sentido de pertenza e responsabilidade no coidado do contorno. Mediante unha implementación transversal a todas as áreas de Afundación, o obxectivo é inculcar prácticas sostibles entre unha xeración consciente e comprometida, e animar, con iso, a máis xente a sumarse a un futuro sostible. A través dunha programación variada, dinámica e innovadora, proporciónase coñecemento para entender os desafíos ambientais e empoderar á mocidade para ser axentes de cambio, reforzando a súa autonomía e responsabilidade no camiño cara a un maior compromiso sustentable.

Así, tanto mediante accións directas de voluntariado na limpeza de areais ou reforestación, actividades didácticas derivadas de exposicións de contido ambiental, iniciativas que combinan prácticas sostibles con expresión artística como Plantando árbores con pinceis, ou as que se desenvolven en Naturnova, o centro de educación ambiental de Afundación, único en Galicia, o propósito é concienciar sobre a necesidade dun firme compromiso sustentable coa participación dun gran número de públicos de toda a xeografía galega. No ano 2024, máis de 200.000 persoas implicáronse, a través de toda esta diversidade programática, coa Obra Social de ABANCA, na protección directa dos nosos contornos

0
0
0
s2sdefault