As melloras consisten na construción dun novo peche perimetral, un muro de contención, a canalización das augas pluviais e a substitución dos portais de entrada.
Sanxenxo, 26 de xullo de 2025.– O Concello licitará proximamente novas melloras no punto limpo. O ano pasado xa se investiron 160.000 € na construción dunha nova nave con 16 colectores. Agora vaise actuar en todo o perímetro da parcela do punto limpo, xa que presenta un grande deterioro con postes caídos e invasión de maleza que impide o bo mantemento do recinto.
En concreto, vaise construír un peche perimetral de malla electrosoldada con postes rectangulares empotrados en zapatas de formigón cada 2,5 metros. Na parte frontal da parcela vaise construír un muro de contención de pedra. No lateral leste farase un muro de formigón armado de 1 metro de altura para evitar a entrada de auga da finca colindante, así como unha zanxa de formigón de 50 cm de ancho para a canalización das augas pluviais. Por último, substituiranse os portais existentes por outros automatizados.
As melloras teñen un prazo de execución de dous meses e están valoradas en 94.868 €, que se financian con fondos europeos e fondos propios do Concello. A Consellería de Medio Ambiente achega fondos europeos para cubrir o 90% do custo (sen incluír o IVE). Pola súa parte, o Concello cobre o 10% do custo máis o IVE do total da actuación.