Na estatística da concesionaria do servizo, Monbus, detéctase unha diferenza de 4.686 viaxes respecto ao mesmo período do ano pasado.
Sanxenxo, 8 de agosto de 2025.- O bus urbano circular posto en marcha polo Concello de Sanxenxo, por segundo ano consecutivo, consolídase como alternativa ao vehículo particular no verán. Durante o pasado mes de xullo, o servizo rexistrou 16.741 viaxes, un 38,87% máis que en 2024, o que supón unha diferenza de 4.686 viaxeiros máis. “Está claro que este servizo utilizado por veciños e visitantes chegou para quedarse e para mellorar a mobilidade no noso municipio nunha tempada na que a poboación rexistra un crecemento moi importante”, asegura Telmo Martín.
O Concello inviste 65.000 euros nas dúas liñas de reforzo que están integradas no sistema de tarifas único e bonificado activado pola Xunta, e teñen como obxectivo contribuír a fomentar a mobilidade sostible. As tarifas son as mesmas que aplica a Xunta, é dicir, 1,55 euros por billete ordinario, 0,70 euros por pago coa tarxeta de mobilidade de Galicia. Os menores de 21 anos poderán realizar ata 60 viaxes gratuítas ao mes coa Tarxeta Xente Nova, do mesmo xeito que as persoas maiores de 65 anos coa tarxeta TMG grazas á Tarifa +65. O resto de usuarios terán un desconto do 40% sobre o prezo normal deste servizo.
As dúas liñas circulares percorren o municipio nun tempo estimado de 50 minutos, de 8 a 12 da noite, con ata 32 frecuencias por día, de luns a domingo. Unha transcorre dirección Vilalonga e a outra por A Lanzada, con saída e chegada á igrexa de Sanxenxo. A liña máis utilizada durante o pasado mes foi a de Vilalonga con 8.926 viaxes, con picos diarios de ata 593, mentres que a de A Lanzada rexistrou 8.015 con días de ata 549 viaxeiros.