A mellora conta cunha partida de fondos municipais de case 12.000 euros e ofrece unha maior confortabilidade aos usuarios
Sanxenxo, 22 de outubro de 2025.- A Concellería de Educación, dirixida por Nati Parada, encargou a renovación do pavimento interior de todas as aulas da Escola Infantil de O Tombo por chan vinílico. A mellora conta cunha partida de fondos municipais de 11.979 euros e ofrece unha maior confortabilidade aos usuarios. Este tipo de pavimento é máis resistente á humidade e ao desgaste, máis cálido e silencioso, e doado de limpar.
Sanxenxo conta con dúas escolas infantís municipais, O Tombo e O Revel, con 121 prazas repartidas entre cero e un ano (24), de un a dous (39) e de dous a tres (58). O servizo inclúe a atención educativa, a garda e o coidado dos nenos, así como a cociña e a elaboración de menús que están supervisados por unha dietista.
Cómpre lembrar que o servizo se adxudicou hai algo máis dun mes á empresa Promoción de la Formación Las Palmas, anterior concesionaria do servizo. O novo contrato aumenta a contía respecto ao anterior en 771.072 euros, ata acadar os 3,1 millóns durante os catro anos que dure o servizo.
Cada centro abre durante un mínimo de oito horas diarias, cinco días á semana, de luns a venres, e doce meses ao ano, salvo causa xustificada.