Trátase da segunda ocasión na que a Federación Galega de Vela elixe o municipio para a celebración
Sanxenxo, 24 de marzo de 2026.- Sanxenxo acollerá este venres, 27 de marzo, a VIII Gala de Vela de Galicia. Será ás 19:30 horas no Auditorio Emilia Pardo Bazán. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde Fernández, e o directivo do Real Club Náutico, Modesto Prieto, presentaron esta mañá a cita no porto deportivo de Sanxenxo.
“A vela e Sanxenxo forman unha maridaxe perfecta. No 2005 coa organización da Volvo Ocean Race, entre o Real Club Náutico e o Concello, demostramos o noso potencial e desde entón non paramos”, dixo Telmo Martín.
A cita suporá un merecido recoñecemento para todos os rexatistas, equipos e clubs cuxos resultados e méritos deportivos puxeron Galicia na élite da vela nacional e internacional no último ano. Trátase de render homenaxe a todos aqueles que fan posible, co seu esforzo, sacrificio e entrega, que o deporte da vela sexa recoñecido tanto en Galicia como fóra dela, ademais de significar un estímulo máis para continuar co gran traballo que se desenvolve na Real Federación Galega de Vela, contando actualmente con rexatistas de grande referencia a nivel mundial.
Os premiados serán os vencedores das clasificacións autonómicas de cada clase; os deportistas máis destacados tanto en vela lixeira como olímpica, cruceiro e monotipos; o mellor técnico; mellor club; mellor evento; mellor proxecto de promoción da vela e outras mencións especiais.