Sanxenxo, 25 de xuño de 2026.- O Concello vén de concluír a rehabilitación e musealización do Centro de Interpretación da Telleira, que se converterá nun novo polo de atracción turística en Vilalonga. O edificio foi construído en 2003, conta cunha superficie de 2.504 metros cadrados e atópase dentro do Complexo Intermareal Umia-O Grove, un ecosistema de gran valor ecolóxico que forma parte da Lista de Humidais de Importancia Internacional (Ramsar), foi declarado Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e está catalogado como Espazo Natural en réxime de Protección Xeral.
Tras a mellora integral, o edificio albergará as actividades para as que foi concibido, incrementando os seus estándares ambientais interiores e a eficiencia enerxética coa instalación dun sistema de climatización. A redistribución do espazo interior inclúe unha oficina de Medio Ambiente, a sede de SEO BirdLife, unha sala de exposición permanente, unha sala multiusos, un espazo para obradoiros de interpretación, un almacén, un centro de documentación, unha sala audiovisual, unha sala de exposición itinerante, unha tenda temática e aseos.
En canto ao contido, a musealización inclúe unha zona audiovisual situada no antigo forno da Telleira, na que se explica o proceso de elaboración do barro e a vinculación da parroquia coa extracción da arxila. Tamén incorpora tres espazos con xogos dirixidos á cativada para experimentar coa construción e coa observación microbiolóxica, así como unha maqueta en relevo sobre a que se proxectan puntos de interese da contorna previamente seleccionados.
O centro conta tamén con paneis e mesas explicativas que afondan no coñecemento da fauna e da flora, así como na riqueza ornitolóxica deste espazo natural. Ademais, recrea un ambiente natural mediante sons de aves como música de fondo.