O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde, Telmo Martín, presentaron esta mañá o Plan Director no propio centro educativo
Sanxenxo, 24 de agosto de 2026.- A Xunta de Galicia e o Concello de Sanxenxo acometerán unha reforma completa do Colexio Plurilingüe A Florida en tres fases. O alcalde, Telmo Martín, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentaron esta mañá o Plan Director no patio do centro educativo. No acto estiveron membros do equipo docente e da ANPA, así como concelleiros do grupo de goberno.
A primeira fase da reforma integral comezará este mesmo ano coa contratación da redacción do proxecto básico da fase 1. En palabras do alcalde, “unha das máis importantes”, na que se inclúe a construción dunha nova pista cuberta e a eliminación da actual, a mellora da accesibilidade e a creación de novos accesos.
A principal actuación desta fase será a execución dunha nova pista cuberta na explanada exterior, deixando libre o espazo que ocupa na actualidade. Isto redundará en máis luz natural para as aulas, ás que agora lles fai sombra este espazo, así como nunha maior ventilación. No lugar no que agora está o espazo deportivo crearase unha nova explanada de acceso ao recinto escolar. O investimento da primeira fase será de 2,72 millóns de euros, dos que a Xunta achegará 2,2 millóns e o Concello, 525.000 euros.
Coa achega do Concello, amplíanse os terreos do colexio, polo que se fai necesario realizar un novo peche perimetral, mellorando así mesmo os accesos e incorporando unha zona cuberta para a entrada a pé e unha parada de autobuses. Ademais, nesta fase mellorarase a accesibilidade do colexio, que conta con diferentes edificios con desnivel entre si. Para iso realizarase un itinerario peonil mediante ramplas. Ao longo do percorrido xeraranse novos espazos de descanso e lecer nunha contorna natural.
O alcalde destacou que nos “últimos seis anos, coa colaboración da Xunta, fixemos un novo colexio en Vilalonga, unha reforma integral en Portonovo, a reforma do centro socioeducativo das Lagoas e agora A Florida. Creo que non está nada mal”.
Román Rodríguez agradeceu ao Concello de Sanxenxo o seu compromiso coa educación, patente na colaboración nesta intervención. “Este goberno municipal non só asume e executa as súas competencias e deberes no mantemento e conservación dos centros, senón que tamén se ofrece a cooperar neste tipo de intervencións, de maior envergadura, en prol da mellora do día a día da comunidade educativa”, destacou.
Así mesmo, puxo en valor o traballo realizado polo Concello na rehabilitación do antigo colexio O Cruceiro para convertelo no novo Centro Socioeducativo As Lagoas, onde se impartirán ensinanzas de FP de Hostalería e Turismo e que contará tamén cun centro social para persoas maiores e unha biblioteca.
A segunda fase centrarase na rehabilitación enerxética do centro, con intervencións como o cambio de caldeiras, o illamento térmico das fachadas e a renovación das luminarias. Tamén se ampliará o edificio de Primaria para crear máis aulas e mellorarase a súa accesibilidade interna.
Finalmente, a terceira fase incluirá reformas no interior do centro, como o cambio de pavimento e falsos teitos, así como a reorganización de espazos. Tamén se construirá un novo volume para un espazo de usos múltiples e adecuaranse os espazos exteriores, entre outras melloras. É precisamente nesta fase na que o alcalde puxo sobre a mesa a posibilidade de trasladar a escola infantil do Tombo ao recinto. “A actual escola infantil queda pequena e aquí un neno podería comezar os seus primeiros anos ata acabar Primaria”, dixo.
Calcúlase que a reforma completa estará rematada nun prazo de tres ou catro anos, xa que se poderán simultanear os traballos das distintas fases sen interferir na actividade educativa.