As insignias entregaranse no marco da XLIV Feira da Cebola no porto de Sanxenxo o próximo 4 de setembro, Día de Santa Rosalía
Sanxenxo, 26 de agosto de 2026.- Os premios Cebola de Ouro 2026 xa teñen nomes e apelidos: María Jesusa Bermúdez e Sandra Patiño. Dúas veciñas que serán recoñecidas por exercer de embaixadoras de Sanxenxo de diferentes formas, unha por ser un referente na gastronomía e outra por ser un vínculo entre os municipios de Ayora e Sanxenxo.
Ambas recollerán as súas respectivas insignias o próximo 4 de setembro, no marco da XLIV Feira da Cebola, Día de Santa Rosalía. Ao acto, que terá lugar ás 12:30 horas no recinto portuario, está prevista a asistencia da conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, e do alcalde de Ayora, José Vicente Anaya.
No caso de María Jesusa Bermúdez, “Susa”, non só se trata de recoñecer o labor dunha persoa, senón de premiar a influencia e o traballo dun establecemento insigne en Sanxenxo, Casa Teodoro, e con el a tantas outras estirpes de familias hostaleiras que axudaron a que Sanxenxo fose unha marca exportada a outros lugares con eses sabores que quedan gravados na memoria. Fixo evolucionar Casa Teodoro un paso máis, sendo artífice do desenvolvemento máis doce deste pequeno obradoiro coas súas famosas tartas de mazá, a tarta de Santiago, os brazos de xitano ou as cañitas de crema.
Pero quizais unha das súas iniciativas máis relevantes foi incorporar a elaboración de croissants á vida diaria de Sanxenxo. Os seus famosos croissants non necesitaron un plan de márketing nin investimento en publicidade. Só foi preciso abrir as portas “a tantos turistas que visitaban o noso pequeno paraíso cada ano facendo que levaran un pouco de sabor para aqueles que non podían desfrutar de Sanxenxo”.
Sandra Patiño, natural de Noalla e residente desde hai anos en Ayora (Valencia), desenvolveu unha destacada traxectoria de servizo público nese municipio, exercendo actualmente como concelleira de Turismo, Desenvolvemento Local e Dinamización de Empresas. Desde terras valencianas, Patiño sempre exerceu como unha gran embaixadora de Sanxenxo e, en especial, de Noalla, a súa parroquia natal.
Á súa traxectoria institucional súmase o seu exemplo persoal de fortaleza e superación fronte á enfermidade. A iniciativa solidaria promovida polo seu compañeiro, José Luis Martínez, quen percorreu en bicicleta os máis de mil quilómetros que separan Ayora de Sanxenxo para recadar fondos destinados á investigación contra o cancro, puxo de manifesto o afecto e o recoñecemento que Sandra soubo espertar entre ambos os municipios.
O pasado 6 de xuño, o Concello de Sanxenxo organizou unha recepción oficial a José Luis Martínez á que asistiron veciños e membros da Corporación para recoñecer a súa solidaria e heroica iniciativa. Malia o seu delicado estado de saúde, ao acto tamén acudiu Sandra Patiño, que volveu deixar patentes as súas profundas raíces co municipio, creando, ademais, un vínculo xa para sempre con Ayora.
As premiadas foron escollidas por unanimidade, entre distintas propostas populares, por un xurado presidido polo alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, así como por representantes dos colectivos da parroquia de Padriñán e das asociacións Entretendas e do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS).