Os traballos estanse realizando por tramos para evitar o corte total do tráfico no vial e causar as menores molestias posibles
Sanxenxo, 28 de agosto de 2026.- As obras da nova senda peonil entre Noalla e Aios, que comezaron o pasado mes de xuño, superan xa o 30% da súa execución. Os traballos, que se realizan a ambos os dous lados do vial, inclúen, por unha banda, unha senda e, pola outra, unhas cunetas remontables que permiten o tránsito peonil. A actuación, financiada polo Concello e a Deputación, conta cun investimento de case 1,2 millóns de euros.
O itinerario peonil, cunha lonxitude de 960 metros, contará cunha senda de 2,5 metros. Ademais, procederase á renovación da rede de drenaxe e da iluminación pública, á colocación de mobiliario urbano e ao soterramento das redes eléctrica e de telecomunicacións.
Trátase dunha zona cunha importante afluencia de peóns, debido á proximidade de importantes puntos de interese como o cemiterio, a igrexa de Noalla ou o itinerario peonil da EP-9212 que comunica coa praia da Lanzada. A obra realízase por tramos para evitar o corte total do tráfico no vial e xerar as menores molestias posibles.
As obras tamén contemplan a rehabilitación do firme para recuperar as características funcionais da capa de rodadura; o acondicionamento e a mellora dos frontais das parcelas con edificacións na marxe esquerda para unificalos; a renovación das paradas de autobús; e a disposición de pasos peonís sobreelevados e redutores de velocidade.
Tamén se renovará a iluminación pública, co soterramento da rede, así como o mobiliario urbano. O prazo de execución previsto é de nove meses.